Reiquiavik, Reykjavik ou Reikiavik é a capital de Islandia, sendo tamén a máis setentrional do mundo. Durante o inverno só recibe catro horas de luz solar e durante o verán as noites son tan claras coma o día. A cidade está situada ós 64°4′ de latitude norte, moi preto do círculo polar ártico, nunha zona onde abondan os géyseres. De acordo coa saga, a cidade está emprazada no sitio no que se instalou o primeiro colonizador, Ingólfur Arnarson. En 1786 o asentamento de 302 habitantes converteuse nun municipio e actualmente é a cidade máis poboada do país, con máis da metade da súa poboación.